11 jun 2018

PROXECTO «LIBERA»

O Muíño / B.M.


O Concello de A Guarda súmase ao proxecto «Libera» coa recollida colaborativa de lixo na praia do Muíño.



A batida celebrarase o 16 de xuño ás 10:00 h e está aberta á participación de voluntarias e voluntarios.


O proxecto «Libera, naturaleza sin basura» convoca o vindeiro sábado, 16 de xuño, a segunda edición de «1m2 por la naturaleza», a gran recollida colaborativa nacional para liberar de lixo a natureza. Nesta ocasión, o Concello da Guarda únese como entidade organizadora, establecendo como punto de recollida a praia do Muíño.

O obxectivo da iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais liberados de lixo. Para isto, «Libera» propón a acción de voluntarias e voluntarios de todo o país en distintos puntos da súa xeografía, promovendo a concienciación medioambiental e a recollida de lixo conxunta.

Nesta liña, a Concellería de Medio Ambiente do Concello da Guarda organiza a batida de limpeza que se realizará no areal guardésa partir das 10:00 horas do sábado. As persoas interesadas en participar nesta recollida ou noutro punto da provincia ou da comunidade autónoma, poderán consultar os puntos de recollida organizados por diferentes colectivos, organizacións e administracións públicas na páxina web www.proyectolibera.org e inscribirse.

As e os participantes deberán presentarse no acceso á praia do Muíño á hora arriba indicada, onde se lles entregará un paquete co material necesario para a recollida do lixo (luvas e bolsas de lixo de diferentes cores para a reciclaxe dos residuos).

Sobre «Libera»

«Libera» é un proxecto creado pola ONG medioambiental SEO/BirdLife en colaboración con Ecoembes, a organización medioambiental sen ánimo de lucro que promove a economía circular a través da reciclaxe dos envases. A acción «1m2 por la naturaleza» é a iniciativa bandeira do proxecto. Na súa primeira edición, logrou recoller 30 toneladas de lixo en 48 provincias españolas.


No hay comentarios: