1 jun 2012

PLAN DIRECTOR DE SANTA TREGA

O Plan Director de Santa Trega fixa as liñas estratéxicas para a revitalización deste espazo.

Deputación de Pontevedra
O Plan Director de Santa Trega fixa as liñas estratéxicas para a revitalización deste espazo, con 30 propostas de actuación e 19 millóns de euros de investimento
O plan ten un horizonte de execución de 6 anos, que se poderá ampliar en función da situación económica actual

• A Deputación incluirá nos orzamentos de 2012 unha partida para a primeira das actuacións, que será a dotación dos servizos de abastecemento e saneamento
• Apóstase por promover a declaración de Santa Trega como Paisaxe Cultural Europeo, así como a recuperación de 25 quilómetros de rutas de sendeirismo
• Establécese a creación dunha área de acollida de visitantes ao pé do monte e a creación do Museo do Trega
O Plan Director do Monte Santa Trega establece as liñas básicas de actuación para a recuperación, conservación e revitalización deste espazo, por medio de 30 propostas de actuación que requirirán dun investimento global de 19 millóns de euros.
Así se puxo de manifesto esta mañá na presentación do Plan, na que participaron o presidente da Deputación provincial, Rafael Louzán; o director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, José Manuel Rey Pichel; o presidente do Padroado do Monte Santa Trega e alcalde de A Guarda, José Manuel Domínguez Freitas; o director do Plan, Mario Crecente, e numerosos membros do seu equipo; entre outros.
No acto de presentación, Rafael Louzán amosouse convencido de que a aprobación deste documento –que se fará en breve por parte da Xunta de Galicia- vai marcar “un antes e un despois na revitalización dun enclave turístico único en Galicia”.

Terá abastecemento e saneamento antes do verán de 2013
Neste sentido, Louzán amosou a disposición da Deputación a incluír nos orzamentos de 2012 a primeira das actuacións deste plan, que consistirá na mellora da estrada de acceso e na dotación dos servizos de abastecemento de auga e saneamento. Así mesmo, incluirá a canalización da rede de subministro eléctrico e a eliminación dos postes e torretas que afean a paisaxe e que son un dos principais motivos de queixa dos visitantes.
Louzán afirmou que a Deputación asumirá o 50% do custe deste proxecto, que ascende a 1,4 millóns de euros, mentres que o 50% restante deberá ser asumido polo Padroado do Monte Santa Trega e polo concello de A Guarda, que confirmou a súa intención de facer posible a disposición destes fondos.
Desta forma, esta actuación, considerada prioritaria, podería estar licitada no mes de xullo e rematada na primaveira-verán de 2013.

Áreas de actuación
A maiores, o plan propón actuacións en materia paisaxística, patrimonial, de divulgación e de creación de mellora de servizos.
Tendo en conta que o elemento máis valorado polos milleiros de turistas e visitantes que cada ano chegan a Santa Trega é a paisaxe, o Plan Director propón actuar desde o Esteiro e Foz do Miño ata a península e o propio monte, promovendo a declaración de todo o espazo como Paisaxe Cultural Europeo e recuperando toda a rede de sendeiros que se estenden desde o cumio do monte ata o mar e que configurarían rutas de sendeirismo de máis de 25 quilómetros.
Outra das actuacións neste eido sería a mellora tanto dos miradoiros que desde diferentes puntos permiten divisar Santa Trega como aqueles que, situados en Santa Trega, ofrecen vistas panorámicas doutros puntos e que supoñen un verdadeiro reclamo para os visitantes, así como a rexeneración do borde costeiro e a creación dunha senda litoral.
Xa no propio castro, proponse crear unha Sala da Paisaxe no Restaurante Panorámico Jurado.

12 hectáreas de xacemento e menos do 5% escavado
No eido patrimonial, o estudo salienta que se trata dun xacemento de extraordinarias dimensións, que podería acadar as 12 hectáreas e no que apenas se ten escavado o 5%. Por iso, proponse avanzar na investigación e escavación –escavando A Forca e máis o contorno da Casa Forestal–, así como na recuperación e delimitación do xacemento descuberto ata o de agora e que, segundo os autores do Plan director, se atopa nalgunhas zonas moi deteriorado.
A eliminación da vexetación que afecta ás estruturas do castro, a restauración das portas e murallas e a reconstrución dunha vivenda castrexa completa, de forma que os visitantes poidan facerse unha idea fiel de cómo era a vida nos castros, son outras das actuacións que se consideran necesarias.
Ademais, incídese na necesidade de delimitar perfectamente o castro, dado que na actualidade é difícil saber se se está dentro ou fóra del e dilucidar onde están os seus límites.
Crear unha senda peonil que dea acceso aos petróglifos é outra das actuacións incluídas no plan.

Recuperar visitantes e incrementar as pernoctacións
Tanto o presidente da Deputación Provincial, como o alcalde de A Guarda e presidente do Padroado e o director do Plan, o arquitecto Mario Crecente, coincidiron en sinalar que se detecta unha perda de valor do Monte Santa Trega. Unha perda de valor que se evidencia na baixada do número de visitantes, que pasou dos 426.000 de 1999 aos 236.000 de 2009.
Aínda así, Santa Trega é o 2º lugar máis visitado de Galicia, só detrás de Santiago de Compostela, e segue a ter máis visitas ao ano que as covas de Altamira, Covadonga ou o Museo de Arte Romano de Mérida, segundo sinalou Mario Crecente.
Por iso, é fundamental incidir tamén na labor de divulgación e mellorar a atención ao visitante. Neste sentido, ademais de todas as medidas no ámbito da paisaxe e do patrimonio que redundarán na mellora da calidade do destino e, en consecuencia, no número de visitantes, o plan propón a mellora dos servizos e a creación doutros novos.

Museo do Trega e centro de acollida de visitantes
A actuación máis ambiciosa é a creación do Museo do Trega –cunha sala á sociedade Pro-Monte, que cumpre agora o seu centenario-, que se situaría ao pe do monte e que, xunto coa Sala da paisaxe do Restaurante Jurado e a vivenda castrexa, suporía un investimento estimado de 3,6 millóns de euros.
Tamén ao pé da montaña, e co obxecto de ofrecerlle a mellor información ao visitante e orientalo na súa visita ao castro, crearíase un centro de acollida de visitantes, con aparcamento e cun servizo de transporte público ata o xacemento.
Incídese na necesidade de renovación dos servizos turísticos (hotel, restaurante, tendas…) e na incorporación de novos servizos como obradoiros, aseos, ou un campamento xuvenil que o documento propón crear no actual campo de fútbol de A Guarda.
Aproveitar a celebración do centenario da Sociedade Pro-Monte que se celebra neste ano para a posta en valor de Trega por medio de exposicións, carteis, folletos… etc, é outra das opcións incluídas no documento, así como a conversión do Padroado en fundación e na ampliación da súa representatividade, incluíndo nela outras administracións e institucións, como a Xunta de Galicia ou o Goberno central.

Horizonte de execución en 6 anos
O Plan, a redacción do cal foi adxudicada en 2008 pola dirección xeral de Patrimonio Cultural a través dun concurso público, ten por obxecto, segundo indicou o director xeral deste departamento, José Manuel Rey Pichel, permite establecer as ferramentas e mecanismos necesarios para a conservación, ordenación, mantemento e xestión deste enclave paisaxístico e patrimonial.
Con esta finalidade, inclúe tres bloques de contidos: coñecemento do contorno, cunha descrición do que é Santa Trega, da súa historia e do que representa; diagnose, na que se avalía o seu estado de conservación, os problemas que presenta e as oportunidades que ofrece; e intervención.
Cun horizonte de execución fixado en 6 anos pero que poderá ser ampliado en función da situación económica actual, José Manuel Rey Pichel incidiu en que desde a Consellería de Cultura se traballará intensamente para consolidar, conservar e seguir investigando neste xacemento, e avogou pola coordinación e cooperación para sacar adiante este proxecto.

No hay comentarios: