26 dic 2011

Chancletas á deriva.

Imaxe: ANABAM
Mais de 60 pares apareceron nos úlimos meses na costa entre Oia e A Guarda.

Unha das actividades que desenvolvemos rutinariamente en ANABAM son os paseos costeiros na procura de varamentos de cetáceos ou focas, presenza de outras especies mortas ou feridas (maioritariamente aves), e tamén toma de datos e fotos de especies de flora e fauna presentes, verquidos, obras, etc. Ao mesmo tempo facemos unha recollida selectiva de material arrebolado polo mar que sexa susceptible de ser reutilizado ou reciclado, no marco do proxecto europeo TEAM-Miño co que colabora a nosa asociación.

Pois ben, nunha desas saídas realizada o pasado 23 de xaneiro dende enfronte o antigo basureiro de A Guarda (concello de A Guarda) ata cerca de Portocelo (San Xian; concello de O Rosal) cando nos atopamos cun detalle que nos chamou poderosamente a atención. Aconteceu no Porto do Fondo, onde, de súpeto, nos decatamos da presenza de varias chancletas dispersas polo pequeno portiño que hai no extremo norte do citado porto, a carón dunha enorme rocha en forma de laxe. Dende logo non era normal e, se non chega a haber tantas, houbesen pasado desapercibidas para calquera. Ao coller unha na man, puidemos comprobar que estaban totalmente novas e que, incluso, tiñan no lateral interno unha pequena etiqueta plástica onde figura a talla de cada chancleta. Demos un pequeno percorrido pola contorna e xuntamos 14 chancletas de varios tamaños e de dous colores, brancas e azuis, sendo a maioría brancas.

Fora un día relativamente produtivo posto que en 3 horas e media recollemos bastantes boias (43) de diferentes tamaños e materiais, 75 cortizas, 3 carpetas, 8 cordas (5 de palangres e 2 de cordas bateas), ademais das 14 chancletas. Tanto é así que tiven que pedir axuda ao mariñeiro de Pedornes, D. Avelino Fernández Álvarez (coñecido como O Parrandas), para poder transportar todo o “cargamento”.

Presumimos que se trata dun palé ou dun contenedor que caeu dun barco de carga; ademais, pensamos que foi a altura da costa do norte de Portugal. Por unha banda, porque as correntes maioritarias na nosa costa solen ser ascendentes (de feito, boa parte do material que recollemos é de embarcacións portuguesas); por outra banda, unha das chancletas foi atopada nunha das praias do norte de Portugal que solemos visitar de cando en vez.

Nas seguintes prospeccións costeiras comezou a destacar o asunto das chancletas, atopando un día 15, outro 18, outro 21, e así pouco a pouco foi incrementándose o número, de tal forma que durante unhas cantas semanas a primeira pregunta ao chegar á casa era: cantas atopaches hoxe? Grazas a internet puidemos comprobar que se trata dunha marca americana, concretamente da costa oeste (San Francisco), aínda que feitas na China. Esta marca introduciuse por primeira vez en España no ano 2010, e incluso se poden adquirir a través de internet.

Como este tipo de achádegos corre de boca en boca, tamén foi aumentando o número de persoas que atoparon e tiñan na casa uns cantos exemplares de chancletas, parte delas desemparelladas. Isto último, tal e como se pode observar na táboa que se adxunta, débese a que apareceron separadas (individualmente) e ademais hai chancletas de 4 tamaños e tres colores diferentes (porque mais tarde atopamos algunhas, aínda que moitas menos de color negro).

Percorremos toda a costa baixomiñota, facendo por dúas veces toda a súa extensión de forma sistemática, unha con anterioridade a gran marusía de principios do verán e outra con posterioridade. No primeiro atopamos chancletas tanto nos portos como entre rochedos ou mesmo debaixo de grandes rochas en determinados puntos da costa. No segundo, atopamos a maioría esparexidas froito do gran oleaxe que as guindou na parte mais alta de surrubeiro ou ben nos campos e leiras próximas.

Agora aparece unha chancleta de cando en vez, e as cinco últimas as atopamos nos primeiros días deste mes (dúas na saída vespertina do sábado día 3 de decembro, unha o día 7, outra o día 8 e, curiosamente, a última delas apareceu o pasado sábado día 10, xusto no mesmo porto no que recollemos as primeiras alá polo mes de xaneiro). Xa levamos rexistradas un total de 195 chancletas, das cales xa doamos 10 pares e un o temos para uso propio.

Os catro tamaños son:
-S (small): 9-10 (talla americana que se corresponde mais ou menos cun 37-38 europea).
-M (medium): 10-11 (talla americana que se corresponde mais ou menos cun 39-40 europea).
-L (large): 11-12 (talla americana que se corresponde mais ou menos cun 41-43 europea).
-XL (extra-large): 12-13 (talla americana que se corresponde mais ou menos cun 44-45 europea).

Polo tanto son mais ben para pes grandes.

Imaxe: ANABAM
Imaxe: ANABAM
Imaxe: ANABAM
Imaxe: ANABAM

No hay comentarios: