28 ene 2017

ENTIDADE LOCAL MENOR

Imaxe: CAG.


A Entidade Local Menor de Camposancos chega a un acordo con Estaleiros Joaquín Castro para manter a súa actividade.




Despois de meses de negociacións entre o Estaleiro e a Entidade Local Menor, propiciadas polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, as dúas partes chegaron a un acordo sobre as condicións que recollerá o contrato de arrendamento que permitirá que a empresa siga mantendo a actividade de Estaleiro en Camposancos durante os próximos 30 anos.

O punto de partida para chegar a este entendemento produciuse cando o alcalde da Guarda se ofreceu a mediar entre as dúas partes polas dificultades de entendemento que había entre ambas. A partir dese momento, Antonio Lomba, mantivo xuntanzas con tódolos implicados, sindicatos, empregados, corporación da Entidade, equipo de goberno e empresa, para coñecer e avaliar a problemática e as consecuencias que o desacordo podía producir.

Despois de coñecer as demandas e posicionamento das partes e solicitar os informes técnicos que avalaran en todo momento as propostas presentadas, foi posible conseguir un achegamento entre a Entidade Local Menor e o Estaleiro no que se contempla basicamente unha actualización da cota de arrendamento e se clarifica o destino das instalacións ao remate da concesión. Nesta fase, o alcalde, sempre pediu que se tivera en consideración a continuidade do centro de traballo e aos 17 empregados que a día de hoxe ten contratados o Estaleiro.

No pasado mes de decembro redactouse un principio de acordo que daba satisfacción á Corporación da Entidade e que foi aceptada pola empresa. A partir deste momento, Antonio Lomba, sentou na mesma mesa ao administrador de Estaleiros Joaquín Castro e ao equipo de goberno da Entidade Local Menor de Camposancos para axustar as posturas, xa moi próximas, e conseguir un documento definitivo de acordo que os servizos xurídicos das partes converterán nun contrato que, unha vez asinado, terá vixencia polos próximos 30 anos.

Antonio Lomba ao igual que a empresa e a Entidade amosáronse moi satisfeitos de ter chegado a este entendemento: polo mantemento dun importante centro de traballo en Camposancos, polos empregos que xera, e porque permitirá que se regularice unha relación que ata agora estaba rexida por un contrato obsoleto asinado fai xa 60 anos.

Información: CAG

No hay comentarios: