11 sept 2016

CAMPOSANCOS DE CINE


O local da asociación Os Amigos quédase pequeno no estreo de '15 Pesetas por Frete'.




O presidente da asociación Os Amigos de Camposancos era o encargado de conducir o acto no que se estreaba o documental “15 Pesetas por Frete”. Presentaba tamén a directora do documental Estefanía Alonso, que cun pequeno discurso facía unha introdución para os asistentes. A súa beira, atopábanse dous membros do equipo técnico do documental, Brais Martínez, cámara, e Lara Campañó, produción.

Este documental nace baixo a dirección de Estefanía, procedente do propio pobo, quen viviu rodeada de historias sobre o contrabando toda a súa vida. De ahí o título do documental, “15 Pesetas por Frete”, cantidade que lle pagaban ao seu avó.

Unha serie de entrevistas neste documental, dende raianas, freteiros, un boticario, e dous historiadores para contextualizar a historia daquela época, son acompañadas por varias recreacións como un desembarco, persecucións e colas de racionamento.

Todo o pobo volcárase totalmente neste proxecto facendo de figurantes nas distintas recreacións na rodaxe en Camposancos, pero tamén foi o día do estreo cando no local se pechaban as portas co cartel de "Aforo completo, mañá ás 18h repetimos documental". Preto de 250 persoas achegadas de todo o Baixo Miño encheron o aforo do local sen deixar ningún oco libre.

Este evento está organizado conxuntamente pola Entidade Local Menor de Camposancos, a asociación Os Amigos e a Comunidade de Montes de Camposancos na primeira edición do ciclo 'Camposancos de Cine', que rematará o vindeiro sábado ás 21h coa proxeción da curta Jeanette na Casa Cultural da Comunidade de Montes.
Máis información: CAMPOSANCOS DE CINE.


Fotos: cedidas


No hay comentarios: