25 ago 2012

PROXECTO PÍLLARA 2012


ANABAM consigue que o 75% das píllaras nacidas no areal camposino, completen o ciclo.




ANABAM / Camposancos.
O 18 de agosto ANABAM procedeu ao desmantelamento do valado perimetral de protección dos niños de píllara papuda na praia do Puntal (Praia de Camposancos, A Guarda) así como á retirada das tres gaiolas instaladas para evitar que as postas se estragaran. O proxecto 2012 iniciouse o 18 de xuño, logo de ter localizada a primeira das postas, polo que estiveron levando a cabo un seguimento diario de dous meses xustos, aínda que continúan visitando a praia para ver por canto tempo a presenza das píllaras no mencionado areal continúa.

Durante estes dous meses ANABAM rexistrou interesantes observacións relacionadas co comportamento das píllaras o que permite un mellor coñecemento das mesmas.

No que respecta ao comportamento dos usuarios da praia, asta asociación naturalista afirmar que este foi en todo momento moi positivo. Moitos destes usuarios, maiormente algúns pescadores deportivos que xa pasaban pola zona de aniñamento de mañanciña, colaboraron arranxando como mellor podían as cintas de delimitación que se romperan pola acción do vento, ou clavaban os paus que suxeitaban ás mesmas, logo, tamén, de ser tirados polo vento.

Como se pode apreciar nos datos expostos abaixo, obtívose un notable éxito coas píllaras. A praia de Camposancos aportou 6 novos exemplares á especie, algo que, de non ter desenvolvido o proxecto, sería impensable. Estragáronse dous polos que, segundo as observacións dos membros de ANABA, é máis que probable que se debera a causas humanas, ben directa ou ben indirectamente.

Dado que as píllaras se moveron sempre nos arredores da zona de aniñamento, ANABAM decidiu deixar instalado o valado así como as gaiolas o que resultou un acerto xa que en xeral utilizaron a zona de protección como de estancia habitual ou zona de paso cara á vexetación dunar, onde se atopaban máis seguras.

ANABAM espera ter con nós, o vindeiro ano, outra vez ás píllaras aniñando na praia de Camposancos. Alí estarase para continuar levando a cabo o proxecto píllara e axudar a que esta pequena ave dos areais poida seguir tendo descendencia.

Por último, ANABAM quere dar as Gracias a todos os que directa ou indirectamente, moito ou pouco, se interesaron polo proxecto e colaboaron no mesmo.


RESUMO DO PROXECTO PÍLLARA 2012
NA PRAIA DE CAMPOSANCOS


Parellas nidificantes....................3
Postas........................................3
Ovos............................8 (3+3+2)
Ovos estragados..........................0
Polos nacidos...........................8 (100 %)
Polos malogrados.......................2 (25 %)
Polos voandeiros........................6 (75 %)
Imaxes:


Relacionado:
-Nacen 8 polos de Píllara dentro do "Proxecto Píllara" de ANABAM.
-5 anos despois, a Píllara Papuda aniña en Camposancos.

No hay comentarios: