Organizado por ADEGA (Asociación para a Defensa
Ecolóxica de Galiza), en colaboración coa AGCT (Asociación Galega de
Custodia do Territorio) e financiado pola Deputación da Coruña, o pasado
29 e 30 de Outubro celebrouse no Centro Social Novacaixagalicia de
Santiago de Compostela o “I Encontro Galego de Custodia do Territorio.
Situación e Perspectivas”.
A
custodia do territorio enténdese como unha estratexia para
conservar os valores naturais, culturais e paisaxísticos, complementando
e facilitando aos instrumentos e políticas de conservación existentes
(parques, reservas…). O termo custodia implica a colaboración entre
dous ou máis axentes sociais na conservación dos valores do territorio.
A través das entidades de
custodia (públicas ou privadas sen ánimo de lucro) preténdese conseguir
a implicación voluntaria dos propietarios na conservación.
O acordo de custodia
entre propietarios e entidades de custodia implica o compromiso dos
primeiros no respecto e aplicación de determinadas condicións de xestión
e protección da finca. A cambio a entidade de custodia asesora na
xestión, implícase no mantemento e fai un seguimento anual de dita
finca.
Neste ámbito ANABAM a
través do autor dete artigo, presentou o proxecto “Charaxes
jasisus: Un bosque para unha bolboreta”, que foi seguido
con moito interese polos asistentes. Explicando todo o proceso dende que
través dun convenio de colaboración firmado no ano 2008 coa Comunidade
de Montes de Camposancos foi cedido por un período de 10 anos
prorrogables, unha parcela dunha hectárea na ladeira oriental do Monte
Trega. Este proxecto obtivo excelentes resultados o pasado ano coa
confirmación da reprodución no erbedal da bolboreta Charaxes jasius.
Entre os
participantes presentáronse interesantes proxectos de custodia por parte
de fundacións, asociación ecoloxistas e outras entidades de custodia
como agrupacións de gandeiros.
O encontro finalizou coa
visita a dúas experiencias de custodia na provincia da Coruña, a Reserva
Mariña Mar de Lira, onde a instancias dos propios mariñeiros creouse
unha reserva mariña e a Cooperativa Raíña Lupa, unha comunidade de bens
de propietarios de terras, que ían ser afectadas pola ampliación da
planta acuícola de Stolt Sea Farm de Quilmas.
Ademáis os participantes
comprometéronse a seguir traballando neste senso, contemplando a
posibilidade da creación dunha rede galega de custodia do territorio e
un segundo encontro o vindeiro ano, onde seguir intercambiando
experiencias e coñecer a evolución desta ferramenta na comunidade.
|
No hay comentarios:
Publicar un comentario