30 sept 2011

Exposición ‘Influír no global desde o local’.

Chega á Guarda a exposición do Fondo Galego de Cooperación ‘Influír no global desde o local’
- Os paneis deseñados por Pepe Carreiro destacan o papel das Administracións locais e provinciais na cooperación internacional para o desenvolvemento
O Concello da Guarda, socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, acolle ata o 8 de outubro a nova exposición da asociación municipalista, ‘Influír no global desde o local: as entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto’. A mostra poderá visitarse no Centro Cultura da Guarda, C/ Rosalía de Castro, 14 en horario de luns a venres de 9:30 a 13:00 e 17:00 a 20:00 horas.


A través dunha ducia de paneis deseñados por Pepe Carreiro, a exposición ‘Influír no global desde o local’ pon de relevo o papel dos Concellos e as Deputacións na cooperación para o desenvolvemento. Á vez, realízase unha viaxe no tempo para repasar anos de traballo do Fondo Galego, descubrir a súa razón de ser e achegarse aos proxectos desenvolvidos neste período. Preténdese aproximar a cidadanía aos problemas dos países do Sur, o sistema de cooperación internacional e o rol que dentro del poden e deben desenvolver as entidades locais galegas e a súa asociación: o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A mostra amosa os desequilibrios Norte-Sur; o por qué, para qué e cómo da cooperación para o desenvolvemento e concretamente da cooperación desenvolvida desde as Administracións locais, as características fundamentais da cooperación local galega e o labor do  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Trátase, pois, de contribuír a que a veciñanza sexa un pouco máis consciente da realidade internacional e dalgúns dos seus problemas fundamentais, chamando a atención sobre a intensa relación global/local e a conseguinte necesidade de que as entidades locais galegas teñan voz propia no mundo.
O Fondo GalegoO Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha rede que engloba a 96 Concellos e ás catro Deputacións de Galicia. Fundouse en 1997 como un foro a través do que consensuar e concentrar os esforzos dos poderes locais galego no eido da cooperación ao desenvolvemento. Trátase deste xeito de garantir unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos ambiciosos que teñan un verdadeiro impacto nos países do Sur e facilitar unha meirande sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.
Desde a súa fundación, a asociación ten desenvolvido 135 proxectos en máis de 20 países, e organizado e editado multitude de actividades e materiais en relación aos desequilibrios existentes entre os países do Norte e do Sur. Ten garantido a presenza da solidariedade do pobo galego nas catástrofes que afectan a aqueles países do mundo con menor capacidade para as enfrontar, con proxectos de reconstrución (como os casos de Sri Lanka, despois do maremoto de 2004, Cuba, despois dos furacáns de 2008 ou Gaza, despois dos bombardeamentos israelitas de finais de 2008 e primeiros de 2009). Na actualidade está a implementar unha intervención de post-emerxencia no Haití e mantén aberta unha conta de emerxencia para contribuír a paliar a crise alimentaria no Corno de África.

No hay comentarios: