24 jun 2011

O castelo de Santa Cruz compite no 1% cultural.

Foto: Concello da Guarda.


A Lei de Patrimonio Histórico establece a obriga de destinar o 1% dos fondos que o Estado aporta nas obras públicas en traballos de conservación e mellora do Patrimonio Histórico Español. Para participar nas convocatorias do que se coñece como o “un por cento cultural” é indispensable que o inmoble sobre o que se pretende actuar estea declarado Ben de Interese Cultural (BIC). É o caso do Castelo de Santa Cruz.

Hai xa algún tempo que traballamos  na consecución dunha subvención do un por cento cultural para o Castelo de Santa Cruz. En días pasados, o Alcalde e o Concelleiro de Patrimonio estiveron no Ministerio de Cultura, coa Directora Xeral de Belas Artes, a quen lle fixeron entrega dun exemplar do proxecto. Este pasado martes, a Comisión de Patrimonio de Pontevedra informaba favorablemente o proxecto redactado, condición sine qua non para seguir a súa tramitación en Madrid. O día 5 de xullo, a Comisión Interministerial (de Cultura e de Fomento) resolverá a que proxectos lle concede a axuda solicitada. Contamos estar entre eles.
A pesar da intervención hai uns anos da Consellería de Cultura, hai baluartes e outras partes da muralla do Castelo de Santa Cruz que están derrubados. Por tanto, semellaba prioritario proceder a súa restauración, para despois levar a cabo tarefas de desbroce e pavimentado, de tal xeito que reúna no futuro condicións para ser unha gran área de disfrute público.

O título do proxecto que presenta o Concello de A Guarda é “Proxecto Básico e de Execución de Posta en Valor do Castelo de Santa Cruz”. Contempla completar a superficie pechada do castelo coa reconstrucción da cara sur do Baluarte da Guía, a cara leste do Baluarte de Santa Trega, parte da cortina sur (entre os baluartes de Santa Trega e San Sebastián), así como a cara oeste do Baluarte de San Sebastián. Ademais destas obras de reconstrucción de baluartes e murallas, o proxecto contempla o desbroce de malezas e o seu tratamento e a poda de árbores. Haberá tres zonas diferenciadas: a do parque botánico, o camiño de ronda que irá pavimentado en xabre , e a praza de armas con pradeira natural. Asimesmo contémplase o alumeado con luminarias de empotrar no chan, nas paredes e balizas. O total do proxecto ascende a 1.033.931,14 euros.

Rematado este proxecto, e como queira que o Centro de Interpretación que constrúe a Consellería de Cultura estará finalizado axiña, o Castelo de Santa Cruz cumplirá as tres funcións básicas para as que se ten traballado:  ser un BIC completamente restaurado, ser o centro de referencia das Fortalezas Transfronteirizas ó albergar o Centro de Interpretación e ser o gran parque público que a cidadanía de A Guarda tanto demanda.
                                            
 A Guarda, 23 de xuño de 2011
O Alcalde,
 
 José Manuel Domínguez.

No hay comentarios: