3 sept 2011

I Feira do Libro Usado.

O Instituto I.E.S. A Sangriña e a Axenda 21 escolar de dito centro, organizan a I Feira do Libro Usado do 5 ó 22 de setembro no I.E.S. A Sangriñ. O horario será pola mañá, de 12:00 a14:00h, e pola tarde, de 17:00 a 19:00h.

Por que organizar unha feira do libro usado?
A elaboración dun libro supón un gran custe en consumo de recursos (madeira para papel) e de materiais derivados da súa elaboración e comercialización (fabricación do papel, tintas de impresión, combustibles para a súa distribución, etc.) e un custe económico para as familias que cada ano académico teñen que afrontar. Prolongar a vida útil dos materiais é unha estratexia idónea non só para reducir o impacto no medio ambiente da nosa actividade educativa senón tamén un xeito de aproveitar mellor as nosas inversións. Os libros de texto, a pesar de teren unha vixencia mínima de catro anos, con frecuencia quedan en desuso despois dun único ano intenso de utilización polo que revender estes artigos supón unha iniciativa responsable, solidaria e favorable economicamente.

Bases organizativas:
•Os libros entregaranse na xefatura de estudos.
•Se podes, indícanos o prezo orixinal do libro.
•No momento de entrega do/s libro/s cubrirase unha ficha de entrega cos datos do/s libro/s e da persoa propietaria.
•En función do estado de conservación do libro, fixarase o seu prezo, que en ningún caso será superior ó 50% do seu prezo orixinal.
•O diñeiro obtido pola revenda entregaráselle, na súa totalidade, ás persoas propietarias dos libros. Tamén se lles devolverán os libros que non sexan vendidos.

Idea!!!
Se queredes aproveitar a I Feira do Libro Usado para intercambiar libros entre vós, podedes organizar o intercambio de libros e material escolar durante o tempo que dure a Feira.

No hay comentarios: