24 abr 2012

TERESA GALDÓ: 106 ANOS.

© Os Amigos
A telefonista de Camposancos cumpre 106 anos.
Mónica Torres
Tui / La Voz 23 de abril de 2012

Teresa Galdó Rodríguez apaga hoxe 106 velas. Un número de amigos e compañeiros moi superior da residencia Paz e Ben de Tui, na que vive desde hai once anos, e de Camposancos, a súa terra natal levan días organizando a súa festa pero, tanto o programa como a lista de invitados, gárdase con celo para manter o efecto sorpresa.

É a «telefonista da Pasaxe», como a coñecen con orgullo todos os campusinos. A súa lista de contactos a estas alturas ocuparía varios megas nun móbil de última xeración, pero ela non necesita diso. Extraordinaria oradora, debulla cunha exactitude e unha elocuencia case sobrenatural o devir do último século con nomes, datas e direccións.

A súa fortaleza deixa entrever que sabe máis polo que cala pero o que di, tanto polo fondo como pola forma, salpicado de anécdotas e con obrigadas alusións á época na que no penal de Camposancos convivían ata 5.000 presos, é un impagable documental de autor.

Teresa Galdó, con 106 primaveras goza dunha saúde extraordinaria, tanto física como mental. Fai un par de meses sufriu unha caída pero xa soltou a cadeira de rodas e válese dun andador, «só ata que estea ben de todo e poida volver axudar a estas mozas». Por estas, refírese ás súas compañeiras de 70 e 80 anos, «que non se que pintan aquí porque aínda teñen idade para traballar».

Non perde a misa diaria. «Divos ilumíname moito», explica antes de entrar na capela. Na celebración do mediodía é ela a que de pé, sen lentes, e cunha perfecta retórica recita unha oración á fundadora das Franciscanas Hospitaleiras.

«Nunca tiven ningunha enfermidade», asegura con naturalidade á saída de misa. A psicóloga do centro, Patricia Álvarez, confirma que «é un espírito loitador que axuda aos demais e convéncelles para participar nas actividades, normalmente empuxa as cadeiras de rodas dos demais». As súas afeccións: ler, escribir, as sopas de letras e o teatro.

É unha muller forxada para vivir en dous séculos. Dos primeiros anos do primeiro, explica, «dediqueime sempre aos nenos pero nin ilusión tiña por casarme». «Non sei por que, a miña ilusión eran os nenos, máis que as nenas porque elas eran máis mimosas» recorda.

Pero a súa entrega non se limitaba ao catecismo que impartiu desde os 13 ata os 70 anos. Teresa conseguiu o primeiro balón de fútbol de regulamento que houbo na Guarda. «Os nenos facíanos con papeis e cordeis pero eu convencín os Xesuítas e o Pai Punín tróuxonos o balón de regulamento», confesa.

O do fútbol era vocacional e non se frustrou do todo. «Fun árbitro», di, sen asumir que debeu ademais ser a pioneira en Galicia. Asegura ata que, «de ser home querería ser futbolista, pero dos de antes; non son partidaria de que traian estranxeiros».

Limita a dous as directrices sobre unha excepcional saúde física e emocional, que a sitúa entre as 125 persoas con máis experiencia de España. Da parte física, «porque son médica de min mesma, se o que non podo comer e non o fago aínda que se me caian os ollos». Unha espléndida e elegante figura, que completa unha infinita mirada azul, exhorta. «Iso é o que quero que se destaque».

«Quero falar do cariño, recalcar ben que é a base principal da persoa, porque todos queremos cariño, ata os animais». Imposible cuantificar os nenos cos que compartiu catequeses e campo de fútbol ata hai case catro décadas. «Con todos», contesta, sen dar nomes, por discreción. «O cariño é todo», salienta de novo. Ao preguntarlle que desexará esta tarde ao soprar as velas, tampouco fai concesións: «Poder axudar a todos os meus compañeiros».

PARABÉNS!

No hay comentarios: