28 dic 2011

Deseño dun logo do Padroado do Monte.

O Padroado Municipal Monte Santa Trega convoca un concurso para o deseño dun logotipo conmemorativo do Centenario da creación da Sociedade Pro Monte no 2012.

BASES:

1) Poderán presentarse a este concurso todas as persoas que o desexen podendo presentar cada participante un máximo de catro traballos que han de ser orixinais, inéditos e non premiados en ningún concurso anterior.

2) O logo deberá facer alusión ó Centenario da creación da Sociedade Pro Monte Sta Trega (1912-2012) como entidade impulsora dos valores arqueolóxicos e paisaxísticos do Monte Trega.

3) A presentación dos traballos realizarase en formato dixital. Os traballos orixinais deben ter formato vectorial e ademais entregarase unha copia, coa mesma denominación que o arquivo orixinal, en formato pdf, png, bmp ou jpg. Acompañará ós arquivos do logo un arquivo de texto en formato doc, odt ou pdf no que o autor explique brevemente os deseños realizados.

4) O logo deberá estar realizado con cores CMYK. O ganador comprométese a entregar o logotipo en versión de liña e en escala de grises.

5) Establécese un único premio consistente en 400 € e diploma para o traballo ganador. O premio estará suxeito á normativa fiscal que proceda.

6) Os arquivos (logos e texto explicativo) entregaranse nun CD ou DVD no que figurará un lema ou contrasinal. O CD/DVD acompañarase dun sobre pechado no que figurará, no seu exterior, o mesmo lema ou contrasinal que no CD/DVD e no seu interior un papel cos datos de identificación (enderezo, teléfono, correo electrónico e NIF) do autor ou autora.

7) Os traballos -CD ou DVD e sobre cos datos persoais- entregaranse nun sobre fechado no Rexistro do Padroado Municipal Monte Sta. Trega (Praza do Reló, 1 - 36780 - A Guarda (Pontevedra), coa indicación "Concurso LOGO Centenario Sociedade Pro Monte Sta Trega".

8) O Padroado non responderá dos posibles danos ou estragos que poidan sufrir os CDs como consecuencia do seu transporte, manipulación, reprodución ou outros.

9) O prazo de admisión de traballos pecharase o 24 de febreiro de 2012 ás 14.00 h.

10) O xurado, que estará composto por cinco membros designados ó efecto e que contará cando menos cun membro do Padroado, procederá á selección do ganador. A decisión do xurado será inapelable e farase pública a principios de marzo de 2012. O xurado, se así o estimase, poderá declarar deserto o premio.

11) Os concursantes cédenlle ó Padroado o dereito a facer uso dos logos co fin de difundilos ou expoñelos de forma impresa, a través da web do Concello da Guarda ou de calquera outro medio debendo o Padroado citar ó autor ou autora dos logotipos.

12) O Padroado poderá facer uso do logo premiado do xeito que considere oportuno e disporá de todos os dereitos sobre o mesmo. Será empregado como imaxe corporativa do Padroado e polos organismos e institucións que este determine.

13) O Padroado devolverá os orixinais non premiados que sexan reclamados e recollidos polos seus autores, dentro do mes seguinte ó da decisión do xurado, sen recoñecer dereitos de reclamación ou indemnización de ningunha clase.

14) A presentación a este concurso supón a aceptación plena das presentes bases.

No hay comentarios: